Días de cortesía AEAT: Como solicitar as túas vacacións fiscais e desconectar de verdade

Cropped favicon xesta.webp

Inicio » Blog Xesta » Días de cortesía AEAT: Como solicitar as túas vacacións fiscais e desconectar de verdade

Data de publicación: 21 Xullo, 2026

Imaxina esta situación: es autónoma, é 31 de xullo, pechas o ordenador, fas a túa maleta e prepáraste para comezar as túas vacacións de verán. Xa visualizas a praia, o sol, un baño refrescante no mar… A vida é marabillosa! Ata que chega un día random de agosto e, de súpeto, soa o teu móbil: é un sms… Da Axencia Tributaria! Tes unha notificación e o último que queres é abrila en bañador tombada sobre a túa toalla a 400 graos. Tranquila, porque hai unha forma legal de evitalo. En Xesta explicámosche como aproveitar os días de cortesía da AEAT, é dicir, as vacacións fiscais.

Que son os días de cortesía da AEAT e cantos me corresponden

Os días de cortesía son un xeito de dicirlle á Axencia Tributaria que marchas de vacacións e que –por favor– non te molesten mentres descansas. Aínda que non o creas, Facenda tamén sabe que precisas descansar. Por iso, permite que empresas e autónomos obrigados a relacionarse por medios electrónicos soliciten estes días de cortesía. Durante este período, a Axencia Tributaria non che enviará ningunha notificación na túa Dirección Electrónica Habilitada única (DEHú) nin na sede electrónica. E, canto dura este respiro?, estaraste preguntando. Pois a normativa establece que podes solicitar un máximo de 30 días por cada ano natural. Se as túas vacacións duran tres meses, pois sentímolo pero tocarache atender cousiñas.

30 días naturais non consecutivos sen notificacións

É importante destacar que estes 30 días no teñen por que ser consecutivos. Podes dividilos como mellor che conveña: pedir 15 días en agosto, 7 días en Semana Santa e reservarte os 8 restantes para o Nadal, por exemplo. Ti decides como organizar o teu calendario de desconexión. Iso si, as fins de semana e os festivos tamén contan á hora de facer o cálculo, polo que debes planificar o teu calendario con estratexia para ser o ninja das vacacións.

Como pedir os días de cortesía da AEAT, paso a paso

Meme sobre las vacaciones fiscales y los días de cortesía de la AEAT para autónomos

Esta solicitude é puramente telemática, pero require algo de previsión. Non debes esquecer a antelación: tes que solicitar os días cun mínimo de 7 días naturais de antelación ao primeiro día no que queres que empece o teu período de exclusión. Exemplo: se marchas de vacacións o 10 de agosto, solicítao antes do 2 para evitar problemas.

Por outra banda, para solicitar os teus días de cortesía, tes que cumprir dous requisitos básicos:

  1. Estar subscrita ao sistema de notificacións electrónicas da Axencia Tributaria.
  2. Contar cun certificado electrónico en vigor, DNI electrónico ou Cl@ve pin.

Se xa cumpras con isto, só che queda pedir os teus días. Imos alá!

  1. Accede ao portal oficial: Entra na Sede Electrónica da Axencia Tributaria. Podes consultar os detalles técnicos directamente na súa páxina de axuda sobre días de cortesía en notificacións electrónicas.
  2. Na páxina principal, entra no apartado “Notificacións e cotexo de documentos” e fai clic en “Notificacións electrónicas”. Despois, accede a “Todas as xestións” e preme sobre “Solicitar días en que que non se emitirán notificacións electrónicas”.
  3. Identifícate utilizando o teu certificado dixital, DNI electrónico ou Cl@ve PIN.
  4. Preme modificar e marca os días ata un máximo de 30 días por ano natural incluídos os sábados e domingos, seleccionándoos dun en un. Non teñen por que ser consecutivos.
  5. Fai clic en validar e despois asinar e enviar. Marca o recadro de conformidade e preme de novo asinar e enviar.

E xa está! Xeraráse un resgardo de solicitude que che indicará que todo saíu ben cun código seguro de verificación e o calendario dos teus días sinalados en verde e a data de solicitude. Poderás consultar o teu resgardo en PDF e imprimilo tamén.

Se a pesar da nosa explicación aínda tes dúbidas, podes ver aquí abaixo este vídeo resumo da AEAT onde explican todo o proceso moi ben:

Que pasa se esquezo pedir as miñas “vacacións fiscais” e recibo un aviso

Aquí é onde veñen os problemas. Se non configuras os teus días de cortesía e Facenda decide enviarche unha notificación, o reloxo comeza a correr. Desde o momento en que o aviso se deposita na túa caixa de correo, tes exactamente 10 días naturais para abrilo.

Se transcorre ese prazo e non accediches á notificación, a Administración vaina dar por notificada a todos os efectos legais (é o que se coñece como rexeitamento de notificación). Isto significa que calquera prazo para presentar alegacións, achegar documentación ou pagar unha sanción comezara a contar sen que ti te deas conta.

Cando volvas das túas vacacións e abras a caixa de correo, é probable que te atopes con recargas, multas ou mesmo embargos por non responder a tempo. Pero iso non pasará porque estás lendo o noso artigo e vas pedir os teus días de cortesía, verdade? Ou, se tiveches algún problema, podes pedirnos axuda.

A importancia de delegar para evitar recargas e sancións

E é que se es autónoma, sabes que estar pendente dos prazos de notificacións, dos sete días de antelación e do calendario de Facenda xera unha ansiedade que, sendo sinceras, non te mereces. A realidade é que a xestión fiscal non debería roubarche o teu tempo libre nin a túa paz mental. Nin sequera o teu tempo de traballo! Contar con profesionais que vixíen a túa caixa de correo electrónico e xestionen os teus trámites de forma proactiva é o mellor investimento para garantir a viabilidade e seguridade do teu proxecto (e deixarche ir tranquilamente en chanclas e bañador en agosto).

Se este verán queres esquecerte dos calendarios, dos certificados caducados e das alertas no móbil, podes contar connosco. En Xesta revisamos as túas notificacións, xestionamos os teus días de cortesía e asegurarémonos de que a Axencia Tributaria non interrompa as túas vacacións. Escríbenos hoxe mesmo e prepara o bañador. Do resto encargámonos nós. 😉

Iria

Iria López

Asesora Fiscal