Retencións de IRPF nas facturas de autónoma: cando si e cando non

Cropped favicon xesta.webp

Inicio » Blog Xesta » Retencións de IRPF nas facturas de autónoma: cando si e cando non

Data de publicación: 14 Xullo, 2026

Data de actualización: 15 Xullo, 2026

Retencións de IRPF: teño que facelas? É unha das preguntas que máis nos repetides, e con razón: non todas as facturas dunha persoa autónoma levan retención de IRPF. Depende de dous factores principais. Cales? Vámolo ver.

Factor 1: o tipo de actividade

  • ✅ Se a túa actividade é profesional ou artística, pode levar retención.
  • ❌ Pero se é empresarial, nunca leva retención.

Factor 2: quen recibe a factura

  • ✅ Empresa, asociación, concello, entidade ou outra persoa autónoma → leva retención.
  • ❌ Persoa particular → nunca leva retención.

Os dous factores teñen que darse á vez: actividade profesional/artística e cliente que sexa empresa, entidade ou outra autónoma. Se falla un dos dous, non hai retención.

E canto se retén

  • 15%: tipo xeral.
  • 7%: para profesionais durante o ano de inicio da actividade e os dous anos adicionais, se se cumpren os requisitos.

⚠️ Isto calcúlase sobre a base da factura, nunca sobre o total coa IVE.

Exemplos do sector artístico e artesanal

  • Unha artista factura a un concello por deseñar un cartel → leva retención (actividade artística + cliente entidade).
  • Unha artesá vende arte nunha feira a persoas particulares → non leva retención (cliente particular).

Ollo con isto: quen ten que ingresar a retención

A quen lle apliques retención na factura está obrigado a ingresar esa retención no teu nome en Facenda.

E aquí está o problema real que máis nos contades: moitos colexios, institutos, asociacións e concellos non o están facendo, e isto é algo que se descobre moito despois, ao presentar a declaración da Renda.

Es ti quen ten que ter medo? Non

Se ti emites a factura correctamente, non teñas medo: se a entidade non ingresa a retención, Facenda non irá contra ti, senón contra a entidade que non a ingresou.

Idea clave

Garda sempre os xustificantes de cobro, para poder demostrar que ti aplicaches a retención correspondente na túa factura, pase o que pase despois con quen a recibiu.

En resumo

  • Retención só se se cumpren os dous factores: actividade profesional/artística + cliente empresa, entidade ou outra autónoma.
  • Tipo xeral 15%, reducido 7% os primeiros anos se se cumpren requisitos, sempre sobre a base, nunca sobre o IVE.
  • Se aplicaches ben a retención e a entidade non a ingresa, o problema é dela, non teu — pero garda os xustificantes por se acaso.

Se tes dúbidas sobre se a túa factura ten que levar retención ou non, botámosche unha man desde a nosa área de fiscal e contable — falamos?