Condicións laborais transparentes: que cambia co RD 723/2026 (e que tes que mirar se contratas)

Cropped favicon xesta.webp

Inicio » Blog Xesta » Condicións laborais transparentes: que cambia co RD 723/2026 (e que tes que mirar se contratas)

Data de publicación: 28 Setembro, 2026

Imaxina que montas unha rodaxe, unha tempada no obradoiro ou un ciclo de actuacións e contratas a alguén para botarche unha man. Ata agora, moita da información sobre soldo, xornada ou período de proba podía chegar… máis tarde. O Real Decreto 723/2026, do 9 de setembro, cambia ese ritmo, a empresa ten que explicar por escrito as condicións esenciais antes de que empece a relación laboral.

O BOE publicouse o 15 de setembro de 2026 e a norma entra en vigor o 5 de outubro de 2026. En Xesta contámosche que regula, que cambia respecto o de antes e como che afecta se es artista, artesá ou autónomo con traballadores (aínda que sexa puntual).

Que é este Real Decreto e a quen afecta

O RD 723/2026 desenvolve o artigo 8.5 do Estatuto dos Traballadores. O seu obxectivo é que as condicións de traballo sexan máis transparentes e previsibles; que a persoa saiba, por escrito, o esencial do contrato e como se vai executar o traballo.

Derroga o Real Decreto 1659/1998, que era o desenvolvemento anterior desa mesma obriga de información.

Con carácter xeral, aplícase a empresas e persoas traballadoras do Estatuto dos Traballadores. O bloque de información xeral (capítulo II) só rexe cando a relación dura máis de catro semanas. Hai regras específicas para pesca e persoal do mar. E se a relación é laboral especial (por exemplo, a artística), hai que mirar tamén a súa norma propia. O RD remite a esas regras especiais e non convén dar por feito o mesmo réxime sen revisalo.

O cambio que máis importa: cando hai que informar

Segundo a nota de prensa do Ministerio de Traballo, ata agora as empresas dispoñían de dous meses para facilitar esta información. Co RD 723/2026 iso remata.

A información xeral debe entregarse con carácter previo ao inicio da relación laboral. Se máis adiante cambia algo relevante, hai que comunicalo por escrito o antes posíbel e, como máximo, o día en que o cambio sexa efectivo. Se hai prestación de servizos no estranxeiro, a información específica debe darse antes da partida.

Exemplo práctico: contratas a unha técnica de montaxe do 10 de outubro ao 20 de decembro. Antes do 10 de outubro xa debería ter por escrito (no contrato ou nun documento á parte) o esencial; onde traballa, que fai, canto cobra e como se calcula, xornada, vacacións, se hai período de proba, convenio aplicable, etc.

Condicións laborais transparentes

Que información hai que dar

A empresa informa por escrito. Se todo iso xa figura no contrato escrito que ten a persoa traballadora, enténdese cumprido. Se só está en parte, hai que completar o que falte.

Entre as materias que deben informarse están, entre outras:

  • Identidade das partes, data de inicio e, se aplica, duración prevista ou data de fin.
  • Lugar de traballo (tamén se hai varios centros, mobilidade ou traballo a distancia).
  • Posto, categoría ou grupo profesional e contido da prestación.
  • En contratos temporais: a causa concreta da temporalidade.
  • Retribución: salario base, complementos, variables e criterios para calculalas.
  • Tempo de traballo: xornada, horario, nocturnidade, quendas, extras, distribución irregular, vacacións e como se gozan; tamén regras de fixos-discontinuos se aplica.
  • Período de proba, se se pactuou: duración e condicións.
  • Formación que ofreza a empresa, se procede.
  • Se hai ETT: empresa usuaria e causa da posta a disposición.
  • Se usades sistemas algorítmicos ou automatizados que poidan afectar ás condicións de traballo (xornada, tarefas, retribución, etc.), hai que informar da súa existencia.
  • Plan de igualdade, protocolos fronte ao acoso e, se existen, medidas LGTBI.
  • Como se extingue o contrato e prazos de preaviso.
  • Convenio colectivo aplicable (con identificación suficiente; xa non abonda un «segundo convenio» xenérico).
  • Seguridade Social / mutua e melloras voluntarias, cando proceda.

Parte desa información pode facerse por referencia precisa a lei, regulamento ou convenio. O importante é que a persoa poida saber de verdade que lle aplica.

Se xa tes xente contratada

A norma non obriga a reenviar todo de oficio ó persoal con contrato anterior ao 5 de outubro. O que di a disposición transitoria é que se a persoa traballadora solicita a información e non a tiña xa, a empresa dispón de trinta días hábiles desde que recibe a solicitude para facilitala.

Convén ter unha canle clara (correo, modelo de resposta) para non improvisar se alguén a pide.

Formato, accesibilidade e modelo do SEPE

A información pode ir en papel ou en formato electrónico, sempre que sexa accesíbel, se poida gardar e imprimir e ten que quedar constancia de envío ou recepción. Ademais, debe resultar comprensíbel tamén para persoas con calquera tipo de discapacidade.

O Ministerio porá un modelo de documento informativo a través do SEPE nun máximo de 20 días desde a publicación no BOE. Ollo: que o modelo tarde non suspende a obriga. Ata entón vale calquera medio adecuado que deixe constancia e sexa accesíbel.

Como che afecta no sector creativo

Se es autónomo ou tes unha pequena estrutura cultural e contratas por conta allea, reforzo no obradoiro, fixo-discontinuo para tempada de festivais, contrato temporal para un proxecto audiovisual, este RD fálache a ti como empregador: revisa modelos de contrato para adaptarte antes do 5 de outubro.

Se traballas por conta allea, o dereito é teu, deberías coñecer as condicións esenciais antes de comezar e, se o teu contrato xa existe e che falta información, podes solicitala.

Se o teu caso encadra nunha relación laboral especial de artistas, non copies un modelo xenérico sen mirar, convén contrastalo coa norma específica ou con asesoramento laboral.

Que podes facer esta semana

  1. Lista as contratacións que vaias iniciar a partir do 5 de outubro e comproba que a información escrita estará completa antes do inicio.
  2. Revisa se os vosos modelos de contrato cobren retribución desglosada, xornada, proba, convenio e o resto de puntos do artigo 3.
  3. Se usades ferramentas automatizadas para repartir quendas ou tarefas, valora se hai que informar de sistemas algorítmicos.
  4. Prepara as respostas no caso de que algunha traballadora actual solicite a información (prazo: 30 días hábiles).
  5. Vixía a publicación do modelo SEPE, pero non esperes por el para cumprir.

Preguntas frecuentes

Aféctame se son autónomo sen ninguén en nómina?

O RD regula a información na relación laboral, empresa–persoa traballadora. Se non contratas por conta allea, non es o suxeito obrigado destas regras. En canto contratas, si entra en xogo.

Serve co contrato escrito?

Si, se xa contén o que esixe o artigo 3. Se falta algo, hai que completalo por escrito.

Cando entra en vigor exactamente?

Ós vinte días da publicación no BOE (15 de setembro de 2026): o 5 de outubro de 2026.

Se queres que o revisemos contigo

Se contratas (ou te van contratar) e queres revisar modelos, o encaixe coa túa actividade creativa ou o procedemento de resposta a solicitudes, en Xesta podemos botarche unha man. Escríbenos a info@asesoriaxesta.com

WEB xesta iago (1)

Iago Rodicio

Asesor Laboral